Friday 10 de May de 2024

Medio Rural creará a Axencia Galega da Calidade alimentaria para mellorar a protección, promoción e aplicación da I+D+i neste eido


Comeza a tramitación do anteproxecto para aprobar o estatuto desta axencia, no marco do establecido pola Lei de organización e funcionamento da Administración Xeral de Galicia (LOFAXGA)

A Xunta creará a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para mellorar a protección e promoción dos alimentos producidos na nosa comunidade, así como para potenciar as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico neste eido. A Consellería do Medio Rural xa ten iniciado o proceso polo cal se aprobará o estatuto desta axencia, no marco do establecido pola Lei de organización e funcionamento da Administración Xeral de Galicia (LOFAXGA).

A Agacal será o instrumento básico de actuación da Xunta en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Tamén servirá para potenciar a calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario.

A creación desta axencia suporá a desaparición do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). A Agacal asumirá ademais as funcións que desenvolvía o Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos. Nesta axencia tamén se integrarán os centros de investigación da Consellería do Medio Rural e a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal, cos seus servizos correspondentes en materia de formación e de transferencia tecnolóxica.

A reorganización e mellora do funcionamento desta Axencia redundará nunha mellor protección e promoción da calidade dos produtos alimentarios galegos, co conseguinte beneficio para todos os axentes da cadea de valor destas producións, dende o agricultor-gandeiro ata o consumidor final. Preténdese fomentar dun xeito máis eficiente todo o relativo á aplicación da I+D+i no eido alimentario e agroforestal, o que beneficiará non só aos produtores e industrias vinculados con estas actividades, senón tamén á poboación en xeral, xa que incidirá positivamente na calidade dos alimentos consumidos.

Ademais, séguese así a filosofía transversal da Xunta de Galicia de racionalizar os recursos da Administración Pública, evitando duplicidades e logrando unha maior eficiencia na utilización dos recursos.